DOG nº 232. Página 19878. 22 de novembro de 2010.
Orde do 22 de novembro de 2010 sobre aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cualedro (Ourense).
OO Concello de Cualedro eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan Xeral de Ordenación Municipal, de conformidade co previsto no artigo 85º.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
I. Antecedentes.
1. Mediante Orde do 11 de xuño de 2010, esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cualedro, de conformidade co disposto no artigo 85º.7 b) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, instar o concello para a elaboración dos documentos corrixidos precisos para emendar as deficiencias sinaladas no corpo da devandita orde; e a elevalos novamente, logo dos trámites oportunos, á consellería para a súa aprobación definitiva.
2. Con data do 29 de xullo de 2010, o Pleno do Concello de Cualedro acordou proceder á aprobación provisional do documento corrixido do PXOM, tras a emisión dos informes preceptivos dos servizos técnico e xurídico municipais con data do 26 de xullo de 2010.
3. Con data do 18 de outubro de 2010 tivo entrada nesta consellería a nova documentación relativa ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cualedro, en solicitude de resolución sobre a súa aprobación definitiva.
II. Informe.
Visto o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal remitido que foi obxecto de aprobación provisional polo Concello Pleno en sesión do 29 de xullo de 2010; examinado o seu propio contido e as modificacións introducidas respecto do documento que foi obxecto de resolución pola anterior Orde do 11 de xuño de 2010.
E vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pode considerarse que o novo documento agora remitido cumpre as observacións formuladas na anterior Orde do 11 de xuño de 2010.
De conformidade co artigo 89 da LOUG e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
III. Resolución.
En base no anteriormente exposto,
RESOLVO:
Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cualedro (Ourense), de conformidade co previsto no artigo 85º.7 a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
Segundo.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do plan aprobado definitivamente.
Terceiro.-Notifíqueselle esta orde ao Concello de Cualedro e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
De conformidade co artigo 85º.11 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2010.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas