DOG nº 19. Página 1.628. 28 de enero de 2011.
Orde do 26 de xaneiro de 2011 sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Tui (Pontevedra).
I. ANTECEDENTES.
1. Mediante Orde de 10/04/07, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes acordou, ao abeiro do disposto no artigo 85.5.b) da Lei 9/2002, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, non outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Tui, instando a introducción das modificacións necesarias para subsanar as deficiencias que nela se establecían.
2. En data 22/08/08 ten entrada no rexistro da Consellería, o PXOM Modificado de Tui aprobado polo Pleno en data 31/07/08, e o seu expediente administrativo, a efectos do cumprimento da devandita Orde de data 10/04/07 e do artigo 117.2 da Lei 22/1988, de Costas.
3. En data 17/09/2008, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo fai un requirimento sobre a integridade documental do expediente, cánto a:
− Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deportes; ou certificación municipal de que foi solicitado e non emitido dentro do prazo establecido.
− Informe da Subdirección General de Infraestructuras y Normativa Técnica do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, ao que fai referencia o artigo 26.2 da Lei 32/2003, Xeral de Telecomunicacións; ou certificación municipal de terse solicitado e non emitido.
− Informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas segundo o artigo 117 da Lei 22/1988, de Costas; e da Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de estradas segundo o artigo 15.4 da Lei 4/1994, de Estradas, que foran solicitados nesta Consellería en data 22/08/2008.
4. En data 25/09/2008, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como continuación do oficio de data 17/09/08, require o informe da Administración Xeral do Estado, esixido na disposición adicional segunda do RDL 2/2008, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, cánto á incidencia do PXOM sobre terreos, edificacións e instalacións afectosá Defensa Nacional; ou no, certificación municipal de terse solicitado, e non emitido en prazo.
5. A Dirección Xeral de Obras Públicas emitiu informe desfavorable en data 8/10/08.
6. A Subdirección Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emitiu o informe previsto no artigo 26.2 da Lei 32/2003, xeral de telecomunicacións, en data 21/10/08.
7. A Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa emitiu informe en data 13/01/09.
8. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tras un informe de data 23/01/09 no que se realizan diversas observacións, emitiu en data 25/06/10 un informe favorable, condicionadoá incorporación de diversas consideracións.
9. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe ao PXOM de Tui, en materia de costas, en data 16/02/09, no que se realizan diversas observacións.
10. A Dirección Xeral de Infraestruturas emite informe favorable en materia de estradas en data 19/10/09, dando por cumprimentadas as observacións do informe da Dirección Xeral de Obras Públicas de data 8/10/08.
11. Con data 06/08/2010 ten entrada no rexistro da Consellería un exemplar do PXOM de Tui.
12. En data 30/08/2010 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo require do concello diversa documentación, conforme ao previsto no artigo 85.7 da LOUG.
13. Consta certificación da Secretaría municipal do 03/11/10, acreditativa da remisión do PXOMá Dirección General de Aviación Civil da Secretaría de Estado de Transportes, Ministerio de Fomento, en data 16/01/09, en relación coas servidumes aeronáuticas, de conformidade co solicitado por ese Ministerio en data 12/01/09; sen que se recibise informe a ese respecto.
14. Con data 08/11/10 ten entrada no rexistro da Consellería un exemplar do PXOM do concello de Tui (con dilixencia da súa aprobación polo Pleno en data 28/10/2010) a efectos do cumprimentado da Orde de data 10/04/07, interesando a súa aprobación definitiva.
II. ANÁLISE DO DOCUMENTO E CONSIDERACIÓNS.
Logo de analizar o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tui; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar:
II.1. DOCUMENTACIÓN.
II.1.1.Analizadas as consideracións que condicionan o carácter favorable do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de data 25/06/2010 en relación coas Fichas do Catálogo, observouse:
- Non se incorporan os correspondentes planos de ordenación nas fichas que van do código CT/03-EET222 ao código CT/03-EET792.
- Os planos que se presentan nas fichas que van do código CT/03-EET-1 ao CT/03-EET220 non inclúen os contornos de protección, que debe ter referencias físicas identificables.
- Na ficha CT/03/ARQUEO/26, que recolle a Vía Romana XIX e os seus contornos de protección, non se coordina a información escrita coa gráfica, na que falla parte do trazado.
II.1.2. Cómpre anular a Ficha do PERI-16 “San Bartolomé - Palláns” que non se corresponde con ningún ámbito dos delimitados nos Planos de ordenación.
II.2. CLASIFICACIÓN E CUALIFICACIÓN DE SOLO.
II.2.1. SOLO URBANO.
a) Analizada a información das redes de servizos urbanísticos existentes, achegada no propio PXOM; e posta en comparación cos datos e fotografías dispoñibles nesta Consellería; así como coa previa clasificación de solo establecida no Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Tui aprobado pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra en sesión de data 7 de outubro de 1994; clasificación que mantívose recoñecida no Decreto 27/2006, do 16 de febreiro, de Suspensión da vixencia dese PGOU e aprobación da ordenación urbanística provisional actualmente vixente, púidose observar que certos ámbitos territoriais non acadan as características precisas, de acordo co establecido no artigo 11 da LOUG, para seren clasificados como solo urbano, atendendo ao seu grado de urbanización ou á falla de inserción na trama:
• Ámbitos dos PERI-3, PERI-4, PERI-5, PERI-6 e PERI-14.
• Terreos exteriores á delimitación do solo urbano recollida no PXOM de Tui aprobado definitivamente pola CPU en data 7 de outubro de 1994, concretamente os situados:
• Nas marxes da estrada PO-340 ao oeste da autovía A-55.
• Ao sur da estrada PO-340, entre a vía férrea e a autovía A-55.
b) Non consta a aprobación do Estudo de Detalle esixido para o desenvolvemento da UE-9 do PXOM do 94, polo que non procede asumilo como planeamento incorporado no actual PEI-8. Porén, consta Decreto da Alcaldía de Tui, de data 2 de abril de 2002, polo que se aprobou definitivamente o Proxecto de Compensación do ámbito; e Decreto da Alcaldía de Tui, de data 29 de agosto de 2002, polo que se aprobou definitivamente o Proxecto de Urbanización
correlativo.
c) Doutra banda, e considerando a acusada topografía que presentan os ámbitos dese PEI-8 e da parcela lindeira suxeita á Ordenanza 2, entre a rúa Martínez Padín e a zona verde ZV-140 e o Río Tipes, nunha zona de notoria exposición visual, estímase necesaria a redacción dun Plan Especial de Protección nos termos previstos no artigo 69.4) da LOUG, que dea cumprimento ás determinacións establecidas no artigo 104.b) desa mesma lei.
II.2.2. SOLO DE NÚCLEO RURAL.
Inclúense dentro de áreas de expansión terreos que, conforme ao establecido noutros apartados do artigo 32.2 da LOUG, deben ser clasificados como solo rústico de especial protección:
• Deben clasificarse como solo rústico de protección das augas (artigo 32.2.d) da LOUG) os terreos definidos pola lexislación de augas como leitos naturais e marxes das correntes de auga e zonas de protección, situados nas áreas de expansión dos núcleos de Herdeiros, Os Muíños (Pazos de Reis), O Souto (Randufe), Anta, O Carballo, Paredes (Rebordáns).
• Debe clasificarse como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais (artigo 32.2.f) da LOUG) a parte da área de expansión do núcleo de Albelos (Guillarei) incluída na delimitación do Espazo Natural declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG 12/04/04) LIC Gándaras de Budiño, según Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG 19/05/04).
II.2.3. SOLO RÚSTICO.
a) Deben clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas os terreos rústicos polos que discorre a rede de gas natural e as súas correspondentes zonas de afección (artigo 32.2.c) da LOUG) con independencia doutra categoría de protección simultánea.
b) No plano de clasificación do solo represéntanse os Equipamentos e Espazos Libres sen establecer a categoría de solo rústico á que pertencen, cuestión que cómpre corrixir en cumprimento do disposto no artigo 59 a) da LOUG; prestando especial atención ás Delimitacións dos Espazos Naturais declarados polo Decreto 72/2004 como LIC Baixo Miño e LIC Monte Aloia.
Visto o documento de Plan Xeral de Ordenación Municipal agora remitido polo Concello de Tui; e examinado o seu propio contido e as modificacións introducidas respecto do que foi obxecto da anterior Orde da CPTOPT de data 10 de abril de 2007, pode considerarse que en xeral o PXOM da cumprimento ás observacións formuladas no corpo da devandita Orde, agás no relativo ás consideracións contidas no apartado II do corpo desta Orde.
De conformidade co artigo 89 da LOUG, e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a Estrutura Orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a Aprobación Definitiva dos Plans Xerais de Ordenación Municipal lle corresponde ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
III. RESOLUCIÓN.
En base a todo o anteriormente exposto, RESOLVO,
1º. OUTORGAR A APROBACIÓN DEFINITIVA PARCIAL AO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DE TUI (Pontevedra) de acordo co apartado 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, que deixa en suspenso:
• Ámbitos dos PERI 3, 4, 5, 6 e 14.
• Terreos exteriores á delimitación do solo urbano recollida no PXOM de Tui aprobado definitivamente pola CPU en data 7 de outubro de 1994, concretamente os situados:
• Nas marxes da estrada PO-340 ao Oeste da autovía A-55.
• Ao sur da estrada PO-340 entre a vía férrea e a autovía A-55.
• Áreas de expansión dos núcleos rurais de Herdeiros, Os Muíños (Pazos de Reis), O Souto (Randufe), Anta, O Carballo, Paredes (Rebordáns) e Albelos (Guillarei).
2º. O ámbito sito entre a rúa Martínez Padín e a zona verde ZV-140 ordearase a través dun Plan Especial de Protección nos termos previstos no artigo 69.4) da LOUG.
3º. O Concello deberá emendar as deficiencias documentais e de clasificación de solo sinaladas no apartado II anterior e elaborar un novo documento coas correccións indicadas; e logo da súa Aprobación polo Pleno da Corporación, elevar o mesmo ante esta Consellería para a súa Aprobación Definitiva.
4º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e Ordenanzas do Plan aprobado definitivamente.
5º. Notifíquese esta Orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta Orde cabe interpoñer Recurso Contencioso-Administrativo ante a Sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, Reguladora da Xurisdición Contenciosa-Administrativa
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2011
O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Agustín Hernández Fernández de Rojas